Programa 2018

Durante a tarde hai unha ampla programación familiar
Desde primeiras horas da mañá convidámoste a que veñas de merenda á beira do río Castro. Porén, para irmos quentando motores de cara á troula da noite, neste 2018 e como novidade haberá unha pequena sesión vermú a iso das 14.00h. con Sérralle aí! acompañados dalgunhas amizades ben coñecidas... e non contamos máis.

A partir das 15’30, a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT) faranos pasar unha tarde ben entretida con actividades pensadas para grandes e pequenos sempre arredor dese xeito distinto de pasalo ben que tiñan os nosos maiores e que, de non ser por eles, estaría perdido para sempre.

Cara ás 17'30 teremos con nós a Picompé ofrecéndonos un espectáculo de música, circo e malabares que han engaiolar á rapazada e tamén aos papás e mamás.

Ao remate do espectáculo, a iso das 18'30 empezará un dos apartados máis exitosos do noso festival, o campionato de xogos populares. Ide afiando os tronzadores, poñendo a tono os músculos para tirardes pola corda e afinando a puntería para atinar na chave.

O concurso de xogos e deportes populares pón a proba a forza e a pericia de quen queira sentar cátedra co tronzador, tirando á corda, petando na chave ou atinando na boca dunha rá de ferro. O importante é participar, pero lembrade que tamén haberá premios para os gañadores en cada proba.

Ás 22'30 empezaremos coa música, no apartado Quen vén? tedes máis información sobre os grupos, que este ano serán as Escolas de música tradicional de Naraío, Josinho da Teixeira & Lupe Blanco, a Agrupación folclórica Berce, Os Carunchos e Os Tres Trebóns... case nada.

O festival celébrase no lugar da Bóla

Colaborade con nós.
A Asociación de Veciños O Castelo esfórzase todos os anos para que todos gocedes dun bo día de festa. Por iso tamén vos pedimos que colaboredes con nós. Ao pé do festival teredes un amplo espazo para asentar as vosas merendas, con servizos e aparcadoiro. Só vos pedimos que non estredes demasiado e que sexades respectosos co contorno.

Por suposto, se vides de merenda tampouco lavedes a louza no río aínda que o deterxente poña que é biodegradable. Reciclade todo o que poidades e o que non sexa reutilizable tirádeo nos colectores do lixo que haberá repartidos por todo o recinto.

Respectade os sinais e as indicacións do persoal da organización e de Protección Civil que colabora con nós.
  • Non aparquedes en lugares que non estean sinalizados.
  • Non armedes a vosa merenda ou acampada en lugares marcados previamente por outros festivaleiros con cintas ou cordeis.



Co patrocinio de:

Co patrocinio de: