Novo vídeo ao canto!!!

Acabamos de publicar en Facebook e Youtube o vídeo de resume do festival deste ano. É unha cousiña breve, pero cremos que condensa o ambiente familiar do Río Castro. Agardamos que vos guste.


Grazas a todos e todas e ata o ano que vén

Como adoita dicirse, pasou o día e pasou a romaría. Vai aló a edición nº 23 do noso/voso festival, que este ano volveu ser un éxito por varias razóns. Unha, por tanta xente que pasou polo lugar da bóla durante a tarde e durante os concertos da noite. Outra, porque tivemos un tempo fantástico. Outra máis, porque todo saiu á perfección -ou iso nos dixo algunha xente- e porque, en definitiva, despois de tanto tempo compartindo o primeiro sábado de xullo xa somos como unha grande familia.

A xente anda preguntando polas fotos do festival. Que ninguén desespere, estamos traballando nelas e subirémolas antes deste venres. Tamén estamos traballando nun minúsculo resume audiovisual da xornada -incluídos os concertos da noite- para que quede constancia do que foi esta edición e para termos imaxes de cara a promocionar a do ano que vén...

....Porque, de hoxe nun ano agardamos volver vernos na Bóla, ¿ou non?

Xa non falta nada

Achegámonos ao grande día e parece que imos ter bo tempo, polo que agardamos que sexades moitas e moitos quen vos acheguedes a Naraío para pasar con nós a xornada. Teremos ata catro puntos para aparcar nos arredores do festival tanto para os vehículos que veñan do lado das Pontes como os que cheguen da banda de Ferrol. Non compensa aparcar ao pé das pistas ou andar dando voltas para achegarse o máis posible ao festival. Ningún dos aparcamentos está a máis de tres minutos a pé do campo da Bóla.

Igual que outros anos, temos previsto establecer un único sentido de circulación e o tráfico estará regulado por Protección Civil desde as 15.00h. A xente que veña de merendada e que teña sitio marcado no campo do festival terá ata esa hora para descargar cousas. Despois será necesario que leven os coches para algún dos aparcamentos. Prégase, ademais, que quede libre o camiño lateral do campo da Bóla -o que une a ponte coa antiga escola do Cerdeirido- para ter despexada unha saída alternativa á principal.

Avisos importantes para a edición deste ano

Quedan poucos días para o festival e hai moita xente que está chamando para instalar ese día postos de todo tipo: de comida, de venda de artesanía, etc. Sobre esta cuestión debemos dicir que só admitiremos postos de artesanía e, ademais, cumprindo os seguintes requisitos:

  1. Para solicitar espazo será necesario chamar antes das 14.00h. do xoves 30 de xullo aos teléfonos 619 805 061 ou 626 563 869. O reparto farase atendendo á orde de chegada das peticións ata completar o espazo dispoñible.
  2. As persoas titulares deberán estar inscritas no rexistro de Artesanía de Galicia 
  3. Só poderán instalar expositores dun máximo de 2 metros liñais e deberán facelo no espazo reservado a tal efecto pola organización. 
  4. Como artesanía entendemos calquera artigo de elaboración manual -coiro, cerámica, colgantes, prendas tecidas á man ou mediante sistemas tradicionais, e outros produtos semellantes-. 
  5. Os postos que se instalen deberán vender unicamente aqueles produtos adscritos á actividade coa que formen parte do rexistro de Artesanía de Galicia e en ningún caso poderán complementar a venda con produtos alimentarios -pratos quentes, fríos, bebidas, xeados, etc.- 
  6. A instalación dos postos haberá que facela antes das 11 da mañá. 



Co patrocinio de:

Co patrocinio de: